Se es un familiar ou persoa achegada…

Se crees que unha persoa da túa contorna está en risco de suicidio, recomendámosche:

1. Ter dispoñibles teléfonos de axuda ou de emerxencias:

– Chamar aos teléfonos de atención ao suicidio: 061 (Galicia) ou 024 (España)
– Acudir a Urxencias do Hospital máis próximo
– En caso de estar en tratamento de saúde mental, contactar co seu especialista canto antes
– Informar á súa contorna máis próxima para concienciala sobre a importancia de dar apoio á persoa

2. Seguir as recomendacións dun profesional para actuar adecuadamente en cada caso concreto:

– Se o recomenda un profesional, pode ser necesario limitar o acceso a posibles medios lesivos
– Se o recomenda un profesional, pode ser conveniente evitar o illamento e involucrar á contorna, así como respectar o espazo da persoa

3. Preguntar á persoa en que lle podemos axudar. Se el ou ela o solicitan, debemos:

– Estar presente, acompañala
– Escoitar atentamente, amosarse acougado
– Empatizar, entender os seus sentimentos
– Transmitir mensaxes non verbais de aceptación e respecto
– Expresar respecto polas súas opinións e valores persoais
– Falar honesta e xenuinamente
– Demostrar interese e calidez
– Centrarse nos seus sentimentos

En calquera caso…

En xeral, convén ser fonte de apoio sempre e cando creamos que hai un risco real de suicidio. En caso contrario, non debemos angustiar á persoa limitando a súa autonomía ou independencia só porque tivese un intento previo ou porque o pensara algunha vez. Isto podería dificultar a súa capacidade de afrontamento ou acrecentar a sensación de inseguridade, podendo chegar a pensar que non está tan ben como cre se a súa propia contorna toma tantas precaucións.

En ocasións, é importante non centrarse simplemente en quitarlle da cabeza a idea de morrer, senón lexitimar a súa decisión ofrecéndolle axuda para plantar cara a aquilo que faille vivir cun sufrimento extremo. A persoa está no seu dereito de tomar unha decisión sobre a súa propia vida, pero debemos favorecer que o faga nun contexto no que poida decidir con claridade, posto que a decisión de acabar con ela é irreversible.

Por outra banda, debemos ter en conta que non somos profesionais. Se non estamos seguros de como debemos actuar ou das consecuencias que poden ter os nosos actos na persoa con ideación suicida, non é aconsellable opinar, criticar ou xulgar a súa maneira de pensar e actuar. Tampouco convén tratar de convencerlle nin facer afirmacións, aseveracións ou peticións que poidan resultar contraproducentes sen que nós sexamos conscientes (“pensa nos teus fillos, “faino pola túa familia”, “recapacita sobre todo o bo que tes”, “a vida é bonita”, “hai moitas persoas que na túa situación non pensarían o mesmo”, etc.).

Por iso, cando existe un risco suicida nunha persoa da nosa contorna, é fundamental contar cunha atención rápida e inmediata por parte dun profesional da psicoloxía, non abordar a situación unicamente con intervencións psiquiátricas e medicamentosas. Ademais, non só é importante atender o “antes” do intento de suicidio senón tamén o “despois”, evitando o desamparo tras a alta hospitalaria. Isto pode facerse, por exemplo, mediante apoio psicolóxico inmediato despois dun ingreso por intento autolítico.

Por último, tamén é moi importante ter en conta que, ante un risco ou tentativa de suicidio, a familia e as persoas achegadas tamén cargan cun forte sufrimento que debería ser abordado. Nestes casos, é conveniente recibir axuda ou apoio profesional independente á intervención coa persoa que quere ou quixo morrer, xa que moitas veces é necesario eliminar sentimentos de culpa ou outras percepcións erróneas que poidan ter as persoas achegadas.

A %d blogueros les gusta esto: