O Plan de Prevención do Suicidio en Galicia ten un dobre obxectivo: reducir a taxa de suicidio e establecer medidas para diminuír o sufrimento das persoas que presentan un intento de suicidio e das súas familias. A ese propósito, establece mecanismos de coordinación para que diferentes organismos poidan sumar os seus esforzos para traballar conxuntamente na prevención, manexo, intervención e acompañamento das persoas e familias que están nesta situación.
Por cada suicidio cometido hai moitos máis intentos de suicidio, polo que para unha prevención eficaz compre desenvolver estratexias dirixidas á poboación en risco mediante o apoio, a capacitación do persoal de saúde, educación e servizos sociais e unha mellora na identificación dos trastornos mentais e de consumo de sustancias.
No Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, expóñense sete liñas estratéxicas que configuran un proxecto de atención integral e multisectorial para abordar esta problemática en Galicia.